Ames pospetróleo: Plan para a redución do lixo e a prol da compostaxe
Descrición
Non contribuír á incineración do lixo, afondando na política de compostaxe do lixo orgánico de maneira descentralizada, e preferiblemente doméstica.
Plano de Xestión do lixo centrado na redución, reutilización e reciclaxe do lixo.
Estudar a conveniencia da posta en marcha dunha planta de compostaxe de residuos orgánicos a nivel comarcal ou mesmo municipal, máis achegada cá de Lousame (en previsión dun encarecemento do transporte).
Revisión da normativa dos Puntos Limpos para a inclusión de residuos domésticos perigosos que na actualidade non se admiten neles, para evitar a súa liberación no ambiente.
Estudar a conveniencia de engadir un novo tipo de contedor para residuos orgánicos compostables, en coordinación coa planta de compostaxe comarcal de Lousame.
Estudar a conveniencia de implantar un sistema de recollida de lixo porta a porta (alomenos nas zonas urbanas), de tal maneira que quen menos lixo produza pague menos taxas por este concepto e se favoreza así que cada familia composte.
Promover unha estratexia de residuo cero.
Estabelecer incentivos económicos aos sistemas de retorno de envases.
Estado
Proposta recollida parcialmente en 2015 polo BNG coa seguinte medida:
Favorecer a redución, reutilización e reciclaxe dos residuos, estendendo a recollida de aceite doméstico, a compostaxe caseira, adaptando o número e localización dos contedores específicos ás necesidades detectadas.
Proposta asumida en 2015 polo PSdeG-PSOE, na medida en que afirman telo feito durante os gobernos 2003-2011.
Proposta asumida en 2015 por Pacto x Ames, aínda que sen detallar o seu contido.
Proposta asumida en 2015 por Ames Novo pero de maneira parcial con medidas como:
AVALIACIÓN DO SERVIZO DA PLANTA DE COMPOSTAXE de LOUSAME ou POTENCIAR E FACILITAR O USO DE COMPOSTEIROS NA UNIDADE FAMILIAR.
Comentarios
O tema da recollida porta a porta nas áreas rurais pode ser un tanto problemático, non só pola maior dispersión da poboación, que obrigaría a gastar máis combustible para unha recollida deste tipo, senón porque se podería favorecer a picaresca de a xente queimar os seus residuos para non pagar pola súa recollida, ou mesmo a xeración de minivertedoiros incontrolados por toda a parte. Para paliar isto cabería pensar en endurecer as sancións e mesmo estabelecer a prohibición absoluta de queimar plásticos e outros materiais contaminantes, mais resulta algo cuxos pros e contras habería que analizar moi ben.
Efectos positivos adicionais
Creación de emprego na compostaxe. Durán (2015) cuantifícao en 150 postos para procesar 34.000 Tm/ano (planta de Lousame).
Impactos negativos que diminúe
Encarecemento previsible das taxas por transportar o lixo.
Outras medidas relacionadas
Referencias (bibliografía, etc.).
- Sobre a recollida porta a porta: concello de Hernani (Guipúscoa), citado en María Durán (2015): “Facer política desde a bolsa do lixo. Cando ti cambias, todo cambia”, en Xoán Hermida & Xan Duro (coords.): Ecoloxía política, obencomún.
- Propostes de lECRZ per les eleccions municipals 2015 (Estratexia catalá a prol do residuo cero)
- Sobre compostaxe doméstica descentralizada: experiencias nos concellos de Piñor, Arzúa e O Grove, coa colaboración de Amigos da Terra, citadas en Durán (2015).
- Sobre redución da taxas ás familias que compostan: concello de Piñor.
Arquivos anexos.
Hai que engadir etiquetas
